A Bela e a Morte foi a quinta exposición colectiva de fin de curso do alumnado de Laudas Calamity. Celebrada no Museo do Humor Xaquín Marín, a mostra reuniu 24 proxectos artísticos que afondaron na relación entre dous conceptos universais e inseparables: a beleza e a morte.
Máis ca unha exposición, foi o resultado dun proceso longo de reflexión, procura e creación intensa. Un traballo colectivo construído desde o íntimo, no que cada proxecto achegou unha mirada propia para formar unha auténtica metaexposición.
Explora a exposición
A exposición en movemento: Mais vivos que nunca
Este vídeo recolle a atmosfera xeral de A Bela e a Morte: o espazo, as obras e o diálogo que se establece entre elas. Un percorrido visual que permite revivir a experiencia expositiva tal e como foi concibida.
A inauguración: un espazo de encontro
A inauguración tivo lugar o 27 de xuño de 2025 e converteuse nun momento de encontro entre alumnado, familias, profesorado e público. Un espazo para compartir o peche dun proceso creativo esixente e, ao mesmo tempo, abrir conversacións arredor das obras e dos temas que atravesan a exposición.











































































O eixo conceptual da mostra
Nesta mostra colectiva, o alumnado de Laudas Calamity afonda na beleza e na morte como conceptos entrelazados, inevitables, transformadores. A través de instalacións, debuxos, pinturas e obxectos, cada proxecto propón unha mirada íntima, crítica ou simbólica sobre estas dúas forzas que atravesan a experiencia humana.
A beleza e a morte son forzas opostas e, ao tempo, inseparables. A beleza fascina porque é fugaz. A morte conmociona porque nos recorda que todo remata… ou se transforma.
As pezas reunidas nesta exposición abordan temas como a memoria, a perda, o corpo, os rituais, o tempo ou a natureza entre outros. A través deles, quen crea e quen observa transitan entre a contemplación e a conciencia, entre o visible e o que permanece agochado.
Aquí, a arte convértese nun espello: devolve imaxes que nos obrigan a pensar, sentir e, tal vez, mirar o mundo con outros ollos.
A beleza aparece como revelación, como misterio, como emoción delicada que desafía o paso do tempo. A morte, lonxe de ser final, preséntase aquí como tránsito, como memoria, como semente.
A exposición estrutúrase en 24 proxectos individuais ou colectivos que forman unha metaexposición, onde cada peza dialoga co resto desde subtemas como o recordo borroso, a redención, a natureza, os rituais ou a guerra.
Este espazo é unha invitación a mirar con ollos atentos, a deixar que o pensamento se deteña, que a emoción atravesada pola beleza e pola perda nos acompañe un pouco máis alá da porta.
Un texto para abrir a mostra
Laudas Calamity, 27 de xuño de 2025
Boas tardes a todas e todos.
Grazas por estar aquí hoxe, neste día tan especial para Laudas Calamity. Inauguramos unha nova exposición de fin de curso, a quinta, pero non é simplemente unha mostra de traballos: é o resultado de meses de reflexión, de procura e de creación intensa. Este ano atrevémonos a cruzar un umbral complexo: o que une a beleza e morte. Dous conceptos que poderían parecer opostos, pero que están profundamente entrelazados.
Este proxecto nace de mirar de fronte aquilo que asusta ou cega, e traducilo en imaxe, en xesto, en forma. De facer da creación un espazo de diálogo co invisible, co sacro, co esquecido.
E fronte a beleza, ou máis ben, entrelazada con ela, álzase a morte. Munch, esa gran testemuña da alma humana, soubo mirar a morte non como un fin, senón como unha constante. Nos seus cadros, a morte convive coa angustia, a enfermidade, o amor e o desexo. Nas nosas obras tamén sucede algo parecido: a morte está presente non como algo alleo, senón como parte de nós, como unha forma de entender a vida mesma.
Aquí, neste espazo, a beleza e a morte non se opoñen: dialogan. Abrázanse. Ás veces confúndense. E nese cruzamento, nace o poético, o íntimo, o profundamente humano.
Todo o que aquí vemos é froito dun proceso colectivo e, á vez, profundamente persoal. Cada obra nace da reflexión, do risco, da entrega. Esta exposición non é unha simple suma de pezas: é unha metaexposición. Un corpo vivo composto por 24 proxectos, cada un cun universo propio, que dialogan entre si para construír unha visión máis ampla e plural do que significan a beleza e a morte.
Cada proxecto parte dun subtema. Abrimos caixóns de biblioteca para gardar recordos borrosos. Tecemos mortallas simbólicas. Miramos a morte aos ollos, e falámoslle de beleza.
E todo isto foi posible grazas á valentía dos nosos e nosas estudantes, á súa capacidade para transformar o intanxible en forma, en xesto, en obra. Souberon soster preguntas difíciles e facelas arte.
Queremos agradecer profundamente a cada persoa que acompañou este proceso: ao alumnado, pola súa sensibilidade e compromiso; ás familias, pola súa confianza por soster este espazo onde a arte non é só técnica, senón pensamento, emoción e vida.
GRACIAS TAMÉN:
Ao Concello pola sua colaboración outro ano mais,
á nosa querida becaria Naira Tenreiro,
Beto pola súa subiduria e bo facer,
Rubén Ponte da Barroteka pola sua xenerosidade,
Inma Pita por coser uns bonecos de vudú tan fascinantes,
Berta Delgado e a biblioteca do Patín por facer posible esta montaxe tan chula das borrosidades,
toda a equipa de montaxe: Lorena Fustes, Bárbara Díaz, María Jesús Felpeto, Maribel Blanco, Aini Blanco, Eva Fraga.
Vos convido a percorrer esta exposición como quen entra nun bosque: con tempo, con curiosidade e con respeto. Que cada obra vos conmova, vos faga detervos, ou vos deixe unha pregunta no peito.
Porque, ao final, diso trata a arte: de mirar o que custa mirar. E atopar, mesmo alí, un destello de beleza.
As obras: 24 proxectos, un corpo común
Cada proxecto desenvolveu un universo propio, pero foi no conxunto onde a exposición atopou a súa verdadeira forza. As pezas dialogaron entre si desde linguaxes, materiais e enfoques distintos, construíndo unha experiencia que convidaba a deter o paso, observar con atención e deixar que a obra activase preguntas.



























































































































As obras da exposición
Descubre cada unha das pezas da mostra.
Cada proxecto desenvolve un universo propio dentro da mostra. Preme en cada peza para descubrir o seu proceso creativo.

Borrosidades
OMAR B, XANTAL S, PABLO F, SALMA G, LUCÍA M, ALEJANDRA P, RITA P, DIEGO R, ASIER Z.
Abre para coñecer mellor a obra e o seu proceso
Instalación, técnica mixta. Medidas variables. 2025
En “Borrosidades” a memoria transfórmase nun terreo incerto onde o rexistrado e o esquecido conviven en tensión constante. Inspirándose na obra crítica de Antoni Muntadas, a peza explora a memoria selectiva facendo visibles os bloqueos que impiden o acceso a certos recordos ou verdades.
A través de tarxetas normalizadas de arquivo, a obra entrelázase con sistemas de clasificación e almacenamento propios dunha biblioteca, cuestionando os mecanismos polos que se constrúen os relatos oficiais. Nesta rede de referencias, a rede neuronal aparece como metáfora dunha mente fragmentada, onde a morte non só é ausencia, senón tamén silencio imposto.
A obra enfróntanos á fraxilidade dos sistemas de memoria, e propón unha mirada crítica cara ás estruturas que definen o que se lembra… e o que se borra.
“O esquecemento está cheo de memoria”
Mario Benedetti

Chea eres de gracia
LEIRE V
Abre para coñecer mellor a obra e o seu proceso
Instalación. Técnica mixta, medidas variables. 2025
A obra aborda as múltiples capas da experiencia feminina a través dunha mirada íntima e simbólica. Composta por imaxes que capturan a cotiandade desa rutina que esgota e oprime, a serie explora a feminidade como unha construción atravesada pola dor, a resistencia e o vínculo con outras. No centro simbólico desta serie aparece unha figura relixiosa reinterpretada, unha virxe iconoclasta, encarnación do feminino en loita. Lonxe da pureza pasiva que impón a tradición, esta virxe observa desde un lugar incómodo, fragmentado, humano. A súa imaxe resignificada non invoca devoción, senón recoñecemento por ser símbolo de sororidade e resiliencia. A obra convida a repensar a imaxe da muller, non desde a idealización, senón desde o real, o roto, o repetitivo, o sacro, o profano e o cotián. Nesta reinterpretación, a fe non está no divino, senón no lazo entre mulleres que se acompañan e sostéñense, mesmo no máis profundo hastío.
“Coidarme non é autoindulgencia, é autopreservación, e iso é un acto de guerra política.”
Audre Lorde

Fame de pan
IRENE G, ANTÍA G, XIANA P, SARA R.
Abre para coñecer mellor a obra e o seu proceso
Escultura policromada. Medidas variables, 2025.
Nesta obra a tradición das figuras de faragulla de pan de San Andrés de Teixido elévase a escala monumental, convertendo o amuleto en símbolo dunha necesidade universal. O pan, como maná, como corpo, como alimento espiritual e material, toma forma en esculturas que evocan a fame ancestral, pero tamén o desexo de protección. As cores tradicionais destas figuras dialogan co sacro e o popular, mentres a sobredimensión interroga a nosa relación coa escaseza, a crenza e a esperanza.
«Primeiro vai o estómago, logo vén a moral.»
Bertolt Brecht

Ensoño
ERIC C, CARMELA C, HUGO F, LEIRE L, VEGA L, MARINA M, LUCA P, XIANA P, MARÍA R, OHANA T.
Abre para coñecer mellor a obra e o seu proceso
Conxunto escultórico, técnica mixta. Medidas variables. 2025
Este carriño, coa súa estética amable a través de cores pastel, desafía a utilidade fría dos obxectos cotiáns. É un vehículo, un simple obxecto ou ¿un compañeiro de soños? O seu deseño kawaii e os seus detalles celebran a tenrura do infantil, que é xenuíno. A obra representa o auténtico como acto de resistencia fronte o impersonal.
«O doce non é frivolidade: é ledicia empaquetada en rodas.»
Yayoi Kusama

Latexo ausente
BÁRBARA D, BETO M.
Abre para coñecer mellor a obra e o seu proceso
Díptico. Técnica mixta, 50×70 cm.
Latexado ausente é unha obra que explora o baleiro silencioso que deixa a morte gestacional e a morte materna, ese duelo invisible que moitas veces vívese en soidade. A pintura parte da experiencia da maternidade interrompida, non como perda de futuro, senón como pegada profunda no corpo e a memoria. As pinturas dan forma a un espazo íntimo, onde o simbólico toma protagonismo. A obra non ilustra, evoca; non grita, rumorea o que tantas veces cala. É unha homenaxe a todas as vidas breves e aos vínculos que, aínda que truncados, seguen latexando no invisible.

Po de estrelas
MARIBEL B, BERTA D, Mª JESÚS F, LORENA F
Abre para coñecer mellor a obra e o seu proceso
Cuadríptico. Técnica mixta sobre lienzo 50x70cm.
Meditación visual sobre a orixe cósmica da materia. A través dunha pintura abstracta cargada de textura, a obra evoca o instante primigenio do Big Bang e a dispersión dos elementos que, miles de millóns de anos despois, formarían corpos, planetas e vida. Cada trazo, cada fragmento, suxire a idea de que nacemos do po estelar e cara a el regresamos. A morte non aparece como final, senón como retorno ao elemental, á vastedad sen forma de onde xurdimos.
«Estamos feitos de po de estrelas.»
Carl Sagan

Morrer de San Benito
LOLA B, LOLA G, MAR M, AURI R.
Abre para coñecer mellor a obra e o seu proceso
Estampa en punta seca sobre papel. 2025
En “Morrer de San Benito”, o chisme convértese en sentenza. A obra explora os estigmas da murmuración como forma de castigo social, onde o que se murmura grávase (como a punta seca) ata volverse epitafio. A figura do «sanbenito», símbolo histórico de humillación na Inquisición española, rexorde como metáfora do linchamento cotián: sutil, pero implacable. Aquí, morrer non é un acto final, senón unha erosión pública, unha lenta desaparición baixo capas de susurros. A obra ilustra as mortes simbólicas que deixa a difamación, lentas, pequenas, pero profundamente corrosivas. A morte é simbólica, pero o xuízo é real. Unha crítica aceda á moral pública disfrazada de rumor.
«A lingua é como un coitelo afiado, mata sen mostrar sangue.»
Buda Gautama

O rosario
AINARA B, PAULA C, ICÍA P, ANTÍA R
Abre para coñecer mellor a obra e o seu proceso
Maqueta escultórica, 100×50 cm. 2025
O rosario é unha maqueta ritual, un camiño de pedras que representa o tránsito emocional do duelo. Cada bóla, como unha conta de oración, marca unha das súas fases: negación, ira, negociación, depresión e aceptación. Este percorrido non é lineal nin fixo, senón profundamente humano porque cada pedra pode doer ou sandar, deternos ou empuxarnos a seguir. Inspirada en xestos ancestrais de repetición e recollemento, a obra converte o duelo en paisaxe. As bólas non son só esculturas, senón oracións táctiles, pensamentos que se sosteñen cando as palabras non alcanzan. Na súa materialidade, convidan a camiñar, a tocar, a honrar a ausencia con cada paso.
“O duelo é un proceso, non un estado”
Anne Grant

Os andamios de Dante
MIRIAM B, IAGO C, SILVIA L, ANA M, MANUEL N, LEIRE V, LAURA PATRICIA V.
Abre para coñecer mellor a obra e o seu proceso
Instalación escultórica. 2025
Conxunto escultórico que representa unha viaxe de ascensión e transformación. Composta por estruturas elevadas e figuras en tránsito, a obra inspírase no descenso e ascenso de Dante Alighieri na “Divina Comedia”, así como na angustia existencial de Kafka, onde a metamorfose revela o absurdo e o desexo de ser outro. As esculturas que habitan o espazo encarnan distintas etapas do cambio: corpos que se deforman, que loitan, que se elevan. Do monstruoso ao humano, da culpa ao perdón, cada figura representa un momento do proceso de redención. Son metáforas corpóreas do ser que se constrúe a si mesmo entre ruína e esperanza. Este tránsito vertical non é só arquitectónico, senón espiritual como unha escaleira cara a dentro.
«En metade do camiño da vida atopeime nunha selva escura, porque a recta vía perdeuse.»
Dante Alighieri

Na morte de Laura
ORIOL F, SANDRA H, XIÁN M, DARÍO O, LÚA O, ADA S, EVA V, GABRIEL V, UNAI V, ALBA V, MARIÑA Y.
Abre para coñecer mellor a obra e o seu proceso
Escultura en técnica mixta. Medidas variables. 2025
Obra que fusiona a metáfora da árbore como vida detida entre amor e finitud. Inspirada nos versos de Petrarca a Laura a obra encarna a fusión entre amor, perda e a beleza que se resiste ao esquecemento. A procura amorosa de Laura por Petrarca materialízase nunha árbore, símbolo da persecución de Apolo cara a Dafne. Da árbore espida elévanse as cordas calladas de follas cos versos do soneto que transitan o terreal e o divino. Do negro interior brota a morte, sólida e inevitable. O vermello do corazón delicado e brutal, marca o pulso que aínda latexa no recordo. A escultura non narra, suxire un silencio cromático onde cada cor é símbolo: o branco como pureza, o negro simboliza a ausencia e o vermello, a paixón que sobrevive á morte.
“Aquí remata o meu amoroso canto:
seca a fonte está da miña ledicia,
a miña lira xace convertida en pranto”.
Petrarca

Santería Yoruba
MARCELO E, EMMA G, ENMA M, CARMEN R.
Abre para coñecer mellor a obra e o seu proceso
Instalación. Técnica mixta, 2025
Instalación que xorde do interese polos ecos espirituais, sociais e políticos dos cultos afrodescendientes, especialmente a Santería levada a América polos escravos yorubas. A obra confronta a superstición coa historia, e o transo ritual coa brutalidade da explotación laboral e trátaa de persoas. Entre espíritos, obxectos rituais e animais, aparecen os Orishas, a santera que habita un sistema de crenzas profundamente resistente e, á vez, constantemente malinterpretado. A peza alude á figura do zombi como metáfora do corpo sometido, desposuído de vontade como os escravos, como moitos migrantes hoxe.
Inspirada na atmosfera ambigua da película “Medianoite no xardín do ben e do mal”, de Clint Eastwood, a instalación propón unha lectura crítica do choque cultural entre espiritualidade e colonialismo, exotismo e supervivencia.

Beleza imposta
ALEXIA C, SARA F, MARÍA F, ADRIANA G, VALENTINA G, JANA L, PABLO M, MARTINA N, ENMA P, JULIA R, NOA S.
Abre para coñecer mellor a obra e o seu proceso
Instalación de medidas variables. Impresión digital en papel de 100gr, 297x420mm. 2025
Sátira o culto á aparencia revelando a violencia estética dunha esixencia disfrazada de elección. Inspirada na linguaxe visual do Pop Art a obra aprópiase dos obxectos do mercado estético para exhibilos como símbolos dunha tiranía silenciosa que impón a beleza como valor de cambio. Aquí, a cosmética non embelece corpos, senón mentes como denuncia a mercantilización da imaxe na era dixital das redes sociais. Os carteis que coroan a instalación representan o invasivo da publicidade. As cores neón, rosas estridentes, verdes eléctricos, amarelos acedos, non embelecen, gritan! É pop, pero non inxenua. É crítica social ao abandono do coidado emocional polo culto ao físico.
“A continuación, unha nova versión de ti mesma”. “The Substance”
Coralie Fargeat

Soidade
VALERIA F, DANIELA L, ALBA S.
Abre para coñecer mellor a obra e o seu proceso
Instalación. Tríptico, técnica mixta. 2025
A obra aborda a morte en illamento e a invisibilidade da vellez, inspirada na figura dunha anciá tecendo, recordo de Penélope esperando a un Ulises que nunca volve. As cores entrelázanse como fío simbólico: negro, a sombra do abandono, gris como a rutina do tempo suspendido e o último rastro de afecto e de esperanza representado polo rosa. A obra dialoga con casos tristemente reais de anciáns achados sen vida no seu fogar construíndo unha narrativa visual da espera que non termina.
«A soidade é unha casa onde a mesa está posta para ninguén.»
Emily Dickinson

A 207
LÚA B, DANIELA C, ALYSON G, ANTÍA I, LEIRE M, VALERIA M, ANDREA M, XELA P, LÍA P, SARA S, SOFÍA V.
Abre para coñecer mellor a obra e o seu proceso
Técnica mixta sobre papel de 120gr. 200cmx100cm. 2025
Tributo á beleza do obxecto inspirada na visión de Umberto Eco na súa obra “Historia de la belleza” (2004). Segundo Eco, a beleza é interpretativa que depende da lectura cultural do contexto. Sostén que a beleza é un canon aberto, un diálogo entre o que se entende e o que fascina. A máquina non busca ocultar a súa mecánica, senón exhibila: cada engrenaxe é visible. Na súa forma híbrida (metade artefacto, metade enigma) conviven o pasado imaxinado e o futuro obsoleto. A estética steampunk permite esa ambigüidade temporal. “A 207” non é funcional, pero é verdadeira. Non viaxa no tempo, pero conteno. A cifra 207 corresponde a suma das idades de todas as integrantes que crearon esta obra.
«La beleza é a única cousa que o tempo non pode destruir»
Umberto Eco

Fake
NOA D, IRIA F, LOIS G, ARTAI L, IAN M, NOA N, BLANCA O, SOFÍA P, LIA S.
Abre para coñecer mellor a obra e o seu proceso
Gouache sobre papel 80gr, 210x297mm. 2025
Arte ou engano? Esta peza explora o delgado límite entre a inspiración e a fraude na arte. O obxectivo é cuestionar se o valor dunha obra está na súa orixinalidade ou na súa aparencia. ¿Como afecta a falsificación ao mercado e á historia da arte? Segundo a Interpol, o tráfico de obras falsas move 6,000 millóns de dólares ao ano. A obra convida o público a identificar o artista coa súa obra nun acto que simboliza a obsesión pola orixinalidade nestes tempos de imitación e réplicas no mercado. Esta peza ironiza sobre o engano da falsificación baixo o concepto “a arte imita á arte”.
«O mellor falsificador non copia arte, senón a súa aura.»
Walter Benjamin

Palestina 39 pulgadas
OMAR B, RITA P, ASIER Z.
Abre para coñecer mellor a obra e o seu proceso
Tríptico pictórico, técnica mixta. 2025
En formato panorámico televisivo, “Palestina 39 polgadas” expón unha mirada crítica á representación mediática e a complicidade do espectador fronte á pantalla #ante a guerra. Entre o branco e negro do pasado e a cor do presente, a obra evoca ecos do Guernica. As imaxes, representación do conflito entre Israel e Palestina desde 1948 ata un futuro incerto, son un testemuño pictórico do desgaste que sofre a paisaxe en conflitos bélicos. A terra e a paisaxe memorizan o desastre da guerra e da morte.
“Non se pode mirar a dor dos demais sen preguntarse que lugar ocupa o espectador”
Susan Sontag

O que nos rompe, revélanos
IRENE B, VERA B, MARTINA F, GRETA G, MILA P, CALI P, NOA R, LÚA S, AURORA V.
Abre para coñecer mellor a obra e o seu proceso
Escultura en cerámica esmaltada, pan de ouro. Medidas variables, 2025
Órganos escachados con vetas de ouro que son cicatrices visibles, unas liñas de luz na escuridade. Inspirada na arte xaponesa do kintsugi (reparación que honra a ferida) a obra transforma a vulnerabilidade en símbolo de fortaleza. Cada fragmento é un acto de resistencia.
A beleza do imperfecto oponse ó ideal de perfección valorando o inacabado, o roto, asimétrico o efémero. A imperfección recórdanos que o irregular non ten porque ser un erro, poder ser expresión. A obra invita a ver con outros ollos, a habitar no mundo con máis compaixón e profundidade. Hoxe aceptar a imperfección nun mesmo é un acto de resistencia.
«As cicatrices douradas son unha proba da imperfección, pero tamén da resiliencia e a beleza»
Filosofía Zen Wabi-Sabi

Tempus Fugit
YANIRA A, ELSA C, DANIELA D, ADRIANA F, MAURO G, EMMA G, MARIO G, SERGIO L, LYAH R, ANÍBAL R, ADRIÁN V.
Abre para coñecer mellor a obra e o seu proceso
Técnica mixta sobre papel de 100gr, 20x20cm. 2025
Reinterpretación da tradición barroca das vanitas rememorando a iluminación dramática e o uso de sombras. A obra lémbranos a fugacidade do tempo no contexto actual denunciando o superfluo que nos evade da trascendentalidad da nosa existencia.
A contraposición entre cada díptico salienta o conflito entre o eterno e o perecedoiro, a fascinación do belo fronte á repulsión do abxecto, o efémero da beleza e a certeza da morte convidando á contemplación crítica: ¿que permanece cando todo se desvanece?
«Vaidade de vaidades, todo é vaidad»
Eclesiastés

Vida áurea Φ Florum
PABLO B, NOA B, ALBA C, CELIA C, SIRA G, XELA G, VALERIA L, ZOE R, NORA S.
Abre para coñecer mellor a obra e o seu proceso
Porexgrafía, gravado en oco. Estampaxe con gouache sobre papel 80gr, 297x420mm. 2025
Esta serie de estampas revela o patrón divino da proporción áurea en estruturas florais a través do gravado experimental en porexpán. Cada flor foi seleccionada pola súa disposición natural de pétalos segundo sucesións Fibonacci. O ángulo áureo é un concepto xeométrico relacionado coa proporción áurea. Este ángulo, aproximadamente 137.5 graos, atópase na natureza, especialmente na disposición de follas e sementes nas plantas. Fusionando o rigor científico coa poética artística, convidamos o espectador a ver o xardín como un gran compás cósmico.
“Sen matemáticas non hai arte.”
Luca Pacioli


Máis vivos que nunca
ALBA A, DANI C, AINHOA C, ICÍA M.
Abre para coñecer mellor a obra e o seu proceso
Instalación. 2025
Más vivos que nunca é unha instalación que reúne un libro de debuxos inspirados en fotografías post mortem e unha proxección de diapositivas, onde o son diegético do avance mecánico marca o ritmo inexorable do tempo. O que na súa orixe foi un xesto de luxo e devoción, retratar ao ser amado unha última vez para perpetuar a súa existencia, convértese aquí nunha reflexión sobre a identidade, a ausencia e a memoria visual. As imaxes, tomadas como referencia de arquivos históricos e do inquietante libro de fotografías “Post morten” de Carlos Areces, revelan o macabro e o humano: o paradoxo de inmortalizar a morte para resistir o esquecemento.
Cada clic da proxección non só cambia a imaxe, senón que lembra que o tempo segue avanzando. Aínda que algúns sigan alí, máis vivos que nunca.
«A fotografía é o certificado de presenza dun ausente.»
Roland Barthes


Cinza e po
MATEO H, MARTÍN F, DAVID R, AARON F,
MONTAJE & ESCULTURA MADERA BETO MARTÍNEZ
Abre para coñecer mellor a obra e o seu proceso
Instalación. 2025.
Obra procesual que reflexiona sobre a transformación da natureza, a súa finitud e a fraxilidade do equilibrio ecolóxico. As caixas baleiras, erosionadas, marcadas pola desocupación, evocan as caixas metafísicas de Jorge Oteiza, convertidas aquí en relicarios do baleiro e da deterioración ambiental.
O uso de materiais austeros subliña a tensión entre o natural e o industrial, o eterno e o efémero. Nun mundo onde a transformación xa non é só cíclica, senón acelerada polo impacto humano, a obra convida a pensar a extinción non como final, senón como advertencia.
«A escultura non constrúe un cheo, senón que desocupa un espazo para o invisible.»
Jorge Oteiza
A Bela e a Morte resume a maneira de entender a creación artística en Laudas Calamity: procesos profundos, pensamento crítico e unha aposta clara por unha arte que non esquiva o incómodo, senón que o transforma en coñecemento, emoción e beleza.
FOTOS: JOSE FONTICOBA


