Pinta Pasado Crea Futuro, mural sobre memoria histórica en Fene

Pinta Pasado, Crea Futuro

Pinta Pasado, Crea Futuro es un proyecto de recuperación de la memoria histórica a través de la intervención urbana. Realizado en Fene (A Coruña) a lo largo del mes de julio del 2016.

As artes plásticas usáronse ao longo do Estado español, sobre todo dende o principio deste século, para denunciar o franquismo e conmemorar as vítimas deste réxime. Só en Galiza, erixíronse ao redor de cen monumentos entre os cales pódese distinguir entre os chamados “monolitos” e as obras artísticas que representan o trauma provocado pola ditadura. Tamén se colocaron abundantes placas para marcar lugares nos que se cometeron crimes contra a humanidade. Esta materialización da memoria en España é un fenómeno que arrincou no ronsel das escavacións das foxas comúns, que constituíron un punto de inflexión no proceso memorialista no Estado. En Galiza, a construción de lugares de memoria apañou unha relevancia especial durante o goberno bipartito; aproximadamente dous terzos dos monumentos levantáronse neste período.

Igual que as exhumacións, os monumentos axudaron a rachar o medo a falar do trauma, foron un aliciente para que a sociedade civil se envolvese máis na recuperación da memoria. Como proxectos para homenaxear os vencidos da guerra civil, provocaron debates e tensións que de cote se reflictiron nos xornais. A dereita opúxose, as máis das veces, ás construcións en canto as entidades progresistas que abandeiraban a conmemoración puideron explicar os feitos e figuras que querían conmemorar. É máis, estas homenaxes foron, en case todos os casos, o único recoñecemento feito desde as autoridades—municipais case sempre—para honrar os e as que loitaron pola democracia.

Porén, mesmo cando se empregan como vehículos de valores progresistas—como neste contexto—, todos os monumentos participan, inevitabelmente, dun discurso conservador debido á xerarquía que estabelecen entre o artista e o espectador; non se trata dun proceso de colaboración. Auspiciado polo grupo cívico que propón a iniciativa, o artista concibe e executa a obra en canto o público recibe a mensaxe. A desavantaxe meirande dos monumentos é que producen a ilusión de materializar a historia e actuar como recordos permanentes de eventos e figuras históricas. Ao apórselles propiedades e funcións que non posúen, deveñen en fetiches.

O certo é que os lugares de memoria non son eternos e non recordan. É a prática, o patrimonio intanxíbel e non material, a que mantén os significados e o coñecemento cultural. Algúns monumentos galegos utilízanse de xeito ritual; as asociacións de memoria ou partidos políticos celebran actos cada 14 de abril ou 18 de xullo. Porén, malia o feito de que o ritual constitúe unha maneira de patrimonio intanxíbel, é moi limitado debido á súa rixidez e natureza mecánica. Pode funcionar para aqueles que abrazan a causa da conmemoración, mais non para os que están desvencellados dela. Xeralmente, só os que están implicados directamente na construción dun lugar de memoria— principalmente as asociacións de memoria, as vítimas e os seus descendentes—se senten conectados emocionalmente con el. Para o resto da sociedade, especialmente a xeración máis nova, estes símbolos pasan desapercibidos. “Non hai nada neste mundo tan invisíbel como un monumento,” sentenciou o escritor austríaco Robert Musil.


Unha nova forma de arte é precisa para involucrar máis persoas na recuperación da memoria histórica. Para que un proxecto conmemorativo sexa efectivo, o público ten que se envolver nel, se sentir parte del. No Novo Xénero de Arte Pública, cuxo referente máis salientábel para a nosa proposta é Judith Baca, a relación entre o artista e a comunidade convértese no miolo da obra de arte. Os murais que Baca fixo en Los Ángeles (EUA) son un modelo ideal para crear en Galiza—e no resto do Estado—unha nova arte de colaboración que elabore o trauma provocado polo franquismo e reivindique a lexitimidade da Segunda República.

Preocupados polo crecente desinterese da xeración máis nova, o noso plan propón a participación de persoas entre quince e vintecinco anos. A duración do proxecto será dun mes; na primeira quincena terán lugar ponencias e debates na casa da Cultura de Fene. Convidaremos, grosso modo, dous grupos de poñentes: persoas especializadas na historia que nos atinxe e afeitas a falar a grupos de xente nova; invitaremos asemade testemuñas, ou directas ou de segunda man, para que nos falen das súas experiencias. Traballarase de forma simultánea a parte creativa e posta en común das ideas e bocetos do mural. A través destes obradoiros, os participantes aprenderán sobre a Segunda República e réxime franquista e, ao mesmo tempo, crearán as imaxes que se pintarán no mural na segunda quincena do proxecto. Sen ficarmos no pasado, tamén queremos que os participantes reflexionen acerca do momento presente. Recapacitaremos e debateremos en torno a conceptos tales como verdade, reparación e xustiza. Os obradorios de concienciación e creación terán lugar na Casa da cultura de Fene.

A segunda fase do proxecto será a realización do mural pintado coa técnica turca. O muro está localizado en fronte da Casa da Cultura (Perlio, Fene) e ten 800 metros cadrados, vinte metros de longo por catro de alto. Para que os participantes poidan entender mellor as causas e efectos da historia, a nosa idea é dividir o mural en tres etapas: a Segunda República, o réxime franquista e momento presente. E co fin de levar a cabo o noso obxectivo de documentar todo o proceso día a día, teremos esta páxina do facebook ao que subiremos fotos e resumos; e conectaremos con redes sociais para difundir o traballo. Filmaremos, asimesmo, os obradoiros e creación do mural (de principio a fin) para podermos facer un documentario que destaque a aprendizaxe dos rapaces e a súa implicación na obra.